Investigadores e investigadoras de España, Portugal, Alemaña, Arxentina, Brasil, Israel, Italia, México e Portugal porán en relación a obra e o pensamento de José Saramago cos “desafíos do noso tempo”, na cuarta edición das xornadas internacionais da cátedra que a Universidade de Vigo dedica ao escritor portugués.
Entre o vindeiro luns 2 de decembro e o mércores 4, a Vicerreitoría do campus será a sede das IV Xornadas Internacionais da Cátedra José Saramago (CJS), que porán o foco no labor do Nobel portugués “como activista político, como defensor incansable dos dereitos humanos, do ecoloxismo, da igualdade dos xéneros, das culturas minorizadas…”, segundo explica o director da cátedra, o profesor Burghard Baltrusch.
Este evento servirá así mesmo de escenario para a presentación de Ricagal, a Rede Internacional de Cátedra Galego-Lusófonas que, baixo a coordinación da CJS, reúne as seis cátedras Saramago existentes no mundo, xunto con catro cátedras do Instituto Camões, dous grupos de investigación e outra serie de entidades.
Promovidas coa colaboración da Vicerreitoría do campus e baixo o título de Saramago e os desafíos do noso tempo, estas xornadas contarán coas intervencións de 26 investigadores de oito países nas súas catro mesas de debate e catro sesións de presentación de comunicacións.
Nese senso, entre os obxectivos das xornadas figura analizar, desde unha perspectiva multidisciplinar, como a obra de Saramago pode contribuír “en termos filosóficos, políticos, estéticos, poéticos e de recepción” á abordaxe de diferentes problemáticas sociais, poñendo en relación a súa obra e pensamento coa ecoloxía, coa “ética económica, a relación entre utopía e distopía ou o machismo e as relacións de poder”, así como abordar o propio “lugar de Saramago na historia das ideas”, sinalan os seus responsables.
A apertura das xornadas suporá tamén o lanzamento de Ricagal, rede que reúne as cátedras Saramago das universidades de Vigo, Granada, Autónoma de Barcelona, Università degli studi Roma Tre, Autónoma de México e a Nacional de Córdoba (Arxentina).
Da rede formarán parte tamén as cátedras Mário Cesariny, da Universitat de les Illes Balears; Solange Parvaux, da Université Sorbonne Nouvelle París 3; Sophia de Mello Breyner Andersen, da Universidade Católica Portuguesa do Porto, e Fernando Pessoa, da Universidad de los Andes. Completan Ricagal o Center for Portuguese Studies da University of California, o grupo de investigación EHum3M da Universidade do Minho; o grupo de estudos sobre o romance da Universidade Federal Rural do Semi-Árido brasileira, a rede da GaliLusofonía, o Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (Igadi) e a asociación cultural e pedagóxica Ponte…nas Ondas!
Todas elas, entidades “internacionais e con actividades transfronteirizas”, lembra Baltrusch, que sinala que varios dos e as súas responsables serán tamén protagonistas das diferentes mesas.
Máis información em https://www.uvigo.gal/sites/uvigo.gal/files/contents/events/2019-11/Programa%20das%20xornadas.pdf
Com informações/texto de Eduardo Muñiz / Duvi Pontevedra